Monday 29 de April de 2024

A Xunta iniciará nos vindeiros días as expropiacións para a conexión da VAP Brión- Noia en Portobravo e iniciará as obras este ano


Villaverde agradece ao Goberno galego que “cumpra a súa palabra con esta comarca” e indica que “os veciños de Lousame van poder acceder ao corredor en menos tempo e con maior seguridade viaria”

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentoulles á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, aos veciños deste municipio e ao alcalde de Noia, Santiago Freire, o proxecto da conexión da VAP Brión-Noia, en Sampaio- Portobravo, cuxas expropiacións comezarán nos vindeiros días e cuxas obras serán contratadas no próximo mes de agosto coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito as obras, cun prazo de execución de 12 meses, deberían comezar a executarse este mesmo ano. Os traballos contarán cun investimento da Xunta de arredor de 1,3 millóns de euros, para os que xa está reservada unha partida específica nos orzamentos deste ano e tamén para exercicios futuros.

Mellora da seguridade

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, sinalou que esta obra “é unha vella demanda do Concello de Lousame” e salientou os investimentos realizados pola Xunta na zona nos últimos anos, o que demostra que “teñen palabra e cumpren a súa palabra con esta comarca. A ponte sobre a ría, o corredor Brión-Noia e agora os veciños de Lousame van poder acceder ao corredor en menos tempo e con maior seguridade viaria”.

Villaverde agradeceulle á conselleira o seu traballo para a realización da primeira fase destas obras e adiantoulle que “despois faremos máis demandas porque queremos enlazar esta nova obra coa carretera que vai de Portobravo a Tállara e ao Confurco para que todos estes veciños de Lousame e tamén os de Boiro teñan un acceso directo ao corredor Brión-Noia”.

Explicación das obras

O proxecto presentado hoxe consiste na construción dunha nova infraestrutura viaria que parte da estrada AC-311, na Fialla, e remata en Portobravo, na estrada que vai de Augasantas a Noia (AC-308). Neste punto de inicio proxéctase a construción dunha glorieta; e tras os 860 metros dunha nova estrada, na Fialla, está prevista a execución dunha segunda rotonda.

Vázquez Mourelle destacou que esta vía de novo trazado que discorre polo termo municipal de Noia, beneficiará directamente aos veciños de Lousame, xa que permitirá mellorar a comunicación entre a localidade de Portobravo e a vía de altas prestacións Brión-Noia. Engadiu que esta actuación suporá un incremento notable da seguridade viaria, xa que o novo acceso a Portobravo evitará o emprego da actual intersección que ten unha reducida visibilidade.

A titular de Infraestruturas explicou que coa nova infraestrutura os veciños e os usuarios, en xeral, poderán achegarse ata Portobravo por un itinerario máis seguro e máis áxil, e verán mellorado o tempo de desprazamento, ao reducirse en algo máis de 1 km a lonxitude a percorrer. A conselleira salientou que con esta actuación estase a avanzar un paso máis no cumprimento dunha vella demanda dos veciños de Lousame, xa que a estrada que se vai executar é a primeira fase dunha actuación máis ambiciosa que busca conectar o Concello de Lousame coa vía de altas prestacións Brión-Noia, en Sampaio.

O proxecto que se presentou hoxe é a parte máis importante, xa que se executa a parte completamente nova da vía e na segunda fase acondicionarase o camiño existente ata conectar coa antiga estrada Vidán-Noia (a AC-543). Neste sentido, o Goberno galego decidiu priorizar esta actuación, precisamente por tratarse dunha infraestrutura de novo trazado, que pode resultar máis complicada, pero que é a de maior utilidade e a que maiores beneficios lle reporta a veciños e usuarios.